POR 365 DÍAS DE RESPETO E IGUALDADE

No mes de Outubro, con motivo da Loita contra o Cancro de mama, organizamos un coloquio co alumnado de CAE e as mulleres da Asociación Esperanza de Burela, dedicada a recaudación de fondos para a investigación contra o cancro. 

A súa presidenta Nuria falounos da orixe da Asociación e das numerosas accións que realizan ao longo do ano, facendo fincapé na importancia do trato humanitario das persoas afectadas.  Así mesmo, Palmira, Chelo e Paqui compartiron co noso alumnado o seu testemuño como supervivintes de cancro de mama.


Foi unha xornada moi emotiva, na que o alumnado participou activamente e que perdurará na nosa memoria. Aproveitando a celebración da Semana das Escritoras na Biblioteca do centro, as poñentes foron agasalladas con pulseiras cunha mensaxe de Rosalía en relación a enfermidade contra a que loitan incansablemente.


Durante o mes de Novembro, traballamos na sensibilización fronte a violencia de xénero con motivo do 25N. O alumnado de CAE adultas elaborou un vídeo no que se recollen episodios reais de discriminación no ámbito do traballo, co que participou no certame de pezas audiovisuais convocado pola Secretaría de Igualdade.


Do mesmo xeito, elaboraron murais conmemorativos vinculando a violencia de xénero ao eido da sáude, cos que se realizou unha pequena exposición no hall do centro.


O alumnado da quenda de tarde recibiu unha charla da traballadora social do Centro de Saúde sobre violencia machista, dando paso a un interesante debate en torno a esta temática.


Así mesmo, todo o centro participou na elaboración de bolboretas de origami, en homenaxe as irmás Mirabal e a todas as mulleres asasinadas por violencia machista.


Igualmente, as profesoras do centro participaron na elaboración dun vídeo coral recitando o poema "A xustiza pola man" de Rosalía de Castro, como forma de reivindicar a loita contra a violencia contra as mulleres.


No mes de decembro, celebramos o Día Internacional do Voluntariado, cunha xornada que incluiu unha charla para iniciarse no mundo do voluntariado,  a visita do alumnado aos stands das asociacións que tiveron a xentileza de acompañarnos e unha mesa redonda sobre experiencias de voluntariado, na que participaron alumnado, profesorado e veciñanza de Burela. Foi unha xornada que promoveu a participación social e fomentou o espírito solidario. Desde o centro, queremos agradecer a todas as asociacións que nos acompañaron: Asociación Española contra o Cancro, BUMEI Mulleres en Igualdade, Cáritas, Centros San Aníbal, Cruz Vermella,  Fundación EU Son, INDECUM, Saúde Mental A Mariña e Protectora Bigotes.





Rematamos o trimestre coa visita ao centro da campaña "Agresión off. Eu digo non a violencia sexual" grazas ao CIM de Burela. As compañeiras da empresa Marexada fixeron a montaxe no hall e  levaron a cabo actividades de información e sensibilización sobre a violencia de xénero de forma lúdica.




Iniciamos o segundo trimestre coas actividades ofertadas pola Secretaría de Igualdade. En xaneiro, tiveron lugar o obradoiro "Xénero Educa Dinámicas" do grupo Koremi para alumnado de 3º ESO e a charla "Violencia de xénero no contexto dixital" de Pantallas Amigas para alumnado de CAE. 



Dentro das actividades ofertadas polo Concello, participamos na charla "Escolas sen armarios" para 2º ESO de Cristina Palacios, da Asociación ARELAS.



Neste mes, contamos tamén coa visita de Rosa Paz, autora de "Las tres hermanas", novela lida no clube de lectura de feminismo e diversidade no primeiro trimestre. A autora compartiu co alumnado de CAE adultas o proceso de escritura e publicación do libro nun entretido coloquio.




En Febreiro, recibimos na Biblioteca a visita da antropóloga caboverdiana Celeste Fortes, que nos presentou o seu documental "Bidon. Naçao Ilheu", no que aborda a migración con perspectiva de xénero.


Conmemoramos o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia cunha charla online de tres investigadoras da Asociación Española contra o Cancro, para todo o alumnado do centro a partir de 3º ESO. Así mesmo, realizouse desde o Clube de Ciencias unha actividade baseada en código ASCII e un obradoiro de chapas de mulleres referentes.


Na segunda quincena do mes, o centro albergou a exposición "Á violencia de xénero dille non" da Secretaría de Igualdade da Xunta de Galicia.





Ademais, o alumnado de 1º BACH recibiu unha charla sobre trata de persoas con fins de explotación sexual da man de Oblatas Ferrol.


Rematamos o mes conmemorando o día da Igualdade Salarial, cunha exposición preparada polo alumnado de CAE adultas no módulo de FOL, con datos actualizados sobre a fenda de xénero no ámbito do traballo.


No mes de Marzo, con motivo do Día Internacional da Muller, levamos a cabo un proxecto multidisciplinar sobre mulleres referentes da contorna do alumnado, titulado "As mulleres da Mariña teñen a palabra"



O alumnado da ESO, Bacharelato e CAE elaborou cartaces e infografías sobre mulleres escritoras, deportistas, artistas e sanitarias cos que decoramos os corredores do centro.



Así mesmo, desde o equipo do Plan Proxecta, elaboramos marcapáxinas de divulgadoras científicas que distribuimos entre o alumnado.


Rematamos o mes co espectáculo teatral "Mozas nas redes" protagonizado por Estíbaliz Veiga para 4º ESO. 

O alumnado do Bacharelato de Artes participou no concurso de ilustración e debuxo artístico sobre a realidade trans de ARELAS. As obras realizadas están expostas na cafetería do centro


No mes de abril, tivo lugar a charla
"A violencia de xénero e o sexismo na publicidade, nos medios audisovisuais e nas redes sociais" para 1º ESO, por parte da educadora experta na materia Ana Otero.


Tralas vacacións de Semana Santa, rematamos coa lectura do libro "O clan das barbies" de Antía Yáñez no clube de lectura de feminismo e diversidade no grupo de CAE adultas.


A finais de mes, contamos coa visita do escritor e coach Manuel Rivero, que levou a cabo un obradoiro sobre talento co alumnado de 3ºESO, baseándose na vida e obra de Aurora Sampedro, química mariñá que visibiliza na súa obra. O autor levou a cabo varias dinámicas para traballar a motivación e a intelixencia do grupo.





No mes de maio, tivo lugar unha charla sobre a violencia machista nas relacións de parella na mocidade para 2º ESO a cargo da educadora Angélica Simone.  


Con motivo do
día contra a LGTBIfobia, instalamos nas escaleiras do centro a exposición sobre mulleres trans de ARELAS e realizamos corazóns multicores nas titorías para decoramos a entrada.




A finais de mes, recibimos a visita de Laura Veiga, sexóloga e divulgadora científica, que impartiu dous obradoiros: “Como funciona o ciclo menstrual?” para 1º ESO e “Coñece a túa sexualidade” para alumnado de CAE ordinaria, centrado na aceptación da diversidade e a sexualidade única de cada persoa. 



No mes de xuño, recibimos por cortesía de ENCIGA a exposición XEAS: mulleres que estudan a Terra, que estivo exposta no hall durante dúas semanas.



Con motivo do día do Orgullo, no clube de lectura de feminismo e diversidade limos relatos de temática LGTBI do libro Alguén nos lembrará de Nee Barros


O alumnado de Artes de 4º ESO realizou un mural na biblioteca, identificando esta como espazo seguro. 






Ningún comentario:

Publicar un comentario